viernes 28 de octubre de 2011

Entrevista director da Agadic La Voz de Galicia, 28.10.2011

Fasero: «Quizais o modelo destes 25 anos non era o bo»


Admite que hai recortes, «pero menos que noutros sectores culturais»



O sector escénico galego considera que a Agadic abandonou as obrigas do seu papel e ten ao colectivo contra as cordas pola redución das axudas e polos retrasos nos pagos das mesmas. Fasero admite que hai recortes e retrasos, pero rexeita que non haxa esforzo por parte da Administración.


-¿Hai recortes no sector escénico e retrasos nos pagos?
-Son evidentes os recortes e responden a unha situación que todos coñecemos e que non podemos esquivar. En canto aos retrasos nos pagos, o habitual sería pagar a noventa días e agora estamos pagando entre catro e cinco meses, dependendo dos casos.
-¿Cal é a natureza dese recorte de axudas?
-No mellor ano da historia, o 2007, a Agadic destinou ao teatro 2.850.000 euros. No peor, que é este, o presuposto son 2.250.000. Hai 600.000 euros de rebaixa, que é importante, pero é menor que noutros sectores culturais. Para o ano próximo, o presuposto é máis ou menos o mesmo que este. Non podemos falar de redución.
-O sector asegura que está sendo abandonado por Agadic.
-Repasando as cifras dos últimos cinco anos parece o contrario porque hai unha aposta moi forte polo sector. A inversión duplicouse e hai compañías que nese tempo recibiron arredor de 600.000 euros.
-Pero as compañías din que poden desaparecer.
-O que se lles pide é que aguanten un pouco máis do habitual e creo que as grandes poden. E, por outra banda, se non poden quizais deberían pensar que o modelo destes 25 anos que elas pediron non era o bo.