martes 15 de noviembre de 2011

A Galicia entangarañada , Manuel Rivas, El País 11.11.11



O protesto dos traballadores da cultura foi o primeiro acontecemento de verdadeira importancia cultural que albergou a Cidade da Cultura. Agora xa ten algo de cultura: o protesto da cultura. Mellor aínda: o protesto dos traballadores das artes escénicas. O protesto dos cómicos! Hai xente túzara que non gusta dos cómicos, da xente do teatro ou do cinema, porque non son mansos e mesmo adoitan facer burla da vara de mando. Mais un país pode vivir sen túzaros, pero non sen cómicos. E porque protestaban desta vez? Era un protesto ecolóxico. Contra a extinción das especies culturais. Porque en Galicia non só están en perigo o salmón ou a pita do monte. E que seria Galicia sen cómicos, sen músicos? Un inmenso camposanto. O escenario da derrota da cultura. O pavillón da desolación.

(...)

Hai xente, si, especializada en odios. E unha teima selectiva, moi específica, é a do odio ao cómico. Semella mais ben incurábel, entre outras cousas, porque os que odian os cómicos non adoitan ir ver as súas obras. Éche así. Hai xente que cultiva afeccións, e hai xente que cultiva odios. Un pode ser un apaixonado do teatro ou do cinema, pero tamén hai esa pandemia da contra-paixón, dos que odian aquilo que descoñecen. A xenreira contra os que alcuman como teatreiros é directamente proporcional ao impulso autoritario de quen a sente. Ser libre, facer do teu traballo un espazo de liberdade, non é doado. Ten custes e un deles, neste país e noutros moitos, é vivir nun estado permanente de provisionalidade. É un traballo duro. Caravaggio definía o seu oficio de artista como propio de "valenthuomi". E algo semellante podemos dicir hoxe das artes escénicas en Galicia: un oficio de homes e mulleres valentes.

Unhas das manifestacións externas do poder anti-cómico é o espallamento desa frase despectiva: "Máis traballar e menos protestar". Xustamente o que están a facer os traballadores das artes escénicas é reclamar o que en xustiza lle deben, con atrasos que chegan a ser insoportábeis, por traballar. Polo que xa fixeron. Polos soños que erguen todos os días a pulso, dedicándolle ás veces as 24 horas. Sabemos, por Píndaro, que o ser humano é "o soño dunha sombra".


Coidado con extinguir os soños, os valentes que carrexan soños enriba da cabeza, porque se cansan, se emigran, se apagan a luz, daquela só ficará un país de sombra.